Friday 19 de April de 2024

O CIM de Boqueixón pechou o programa de conmemoración do 8-M cunha Mesa-Debate protagonizada por Carme Adán


 

A charla xirou aos temas tratados no seu libro ‘Feminicidio: unha nova orde patriarcal en tempos de submisión’

O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón concluíu o seu programa especial pola conmemoración do 8-M cunha interesante Mesa-Debate con Carme Adán. A cita desenvolveuse na aula de usos múltiples da Casa do Concello boqueixanesa e contou con grande afluencia de participantes.

A actividade, organizada polo CIM grazas ao apoio da Unidade Técnica de Políticas de Igualdade e Políticas Públicas da Deputación da Coruña, tivo como eixo central o libro titulado Feminicidio: unha nova orde patriarcal en tempos de subsumión. Tomando a súa publicación como referencia, Carme Adán realizou unha breve análise arredor da violencia contra as mulleres, do patriarcado e da situación actual do feminismo. Do mesmo xeito, abordouse igualmente a definición do termo feminicidio, dos problemas existentes actualmente coas novas tecnoloxías e de propostas para erradicar a violencia.

A disertación de Adán propiciou a intervención de moitas das persoas asistentes no posterior debate. Este coloquio, no que participaron tanto mulleres como homes, resultou moi enriquecedor e ameno.

Todas as persoas asistentes recibiron un libro. Ao finalizar o debate, Carme Adán prestouse a asinar os exemplares.

Dado o éxito da iniciativa, dende o CIM indican que os exemplares que quedaron serán entregados por orden de solicitude, a todas aquelas persoas que estean interesadas na súa lectura. Para obter o libro deberase chamar ao Centro de Información á Muller (981 513 061).